Ir ao contido principal

Á procura da estrela abrirá o festival Novos Cinemas de Pontevedra tras o seu exitoso pase por Porto e Xixón

A primeira película de Carlos Martínez-Peñalver terá a súa estrea en Galicia o 12 de decembro ás 20.30 horas, inaugurando a oitava edición da mostra pontevedresa

Este filme fainos chegar unha fábula desde o corazón da Serra da Estrela, no norte de Portugal, contada coa voz dos seus habitantes e cunha linguaxe moi achegada ao cinema documental

Á procura da estrela, dirixida polo cineasta vigués Carlos Martínez-Peñalver Mas, será a película encargada de abrir o festival Novos Cinemas de Pontevedra, o vindeiro martes 12 de decembro, cunha proxección ás 20.30h. Chega tras o seu pase por Porto/Post/Doc e o Festival Internacional de Cine de Xixón o mes pasado, colleitando en ambos os dous unha gran acollida entre o público. A cinta rodada na portuguesa Serra da Estrela parte dunha lenda da zona para trasladarnos unha historia arraigada no corazón destas montañas, e contada desde a voz dos seus habitantes. 

Producida por OMEN (galega) e María Zimbro (portuguesa), coa participación da TVG, e distribuída por Lost & Found, ‘Á procura da estrela’ regresa a Pontevedra tras ter pasado polo Novos Cinemas #LAB no ano 2019, durante a súa fase de desenvolvemento. Nesta etapa, a película tamén foi seleccionada en 2020 no mentoring projects de L’Alternativa (o festival de cinema independente de Barcelona). Foi, ademais, premiada no festival Entrevues de Belfort coa axuda á posprodución [Films en Cours] 2021 e en Porto/Post/Doc, onde foi seleccionada ese mesmo ano nos obradoiros de desenvolvemento Arché.

En xaneiro, a película terá a súa estrela en salas comerciais, en datas das que informaremos en próximas comunicacións.

Testemuño documental dunha vella fábula

Á procura da estrela’ é a historia de Joel, un fonografista galego que traballa na montaña máis alta do Portugal continental para preservar os seus sons en vías de se extinguir. E alí atopará que a súa vida se mestura coa lenda do pastor que, guiado por unha estrela, puxo a proba os límites do seu mundo. Está protagonizada por Joel Fontán, acompañado por diversos actores naturais, moi vencellados á Serra da Estrela. Entre outros, José María Saraiva, activista ambiental implicado en denunciar os efectos do turismo masivo, e  Joaquim Margarido Marvão, un dos derradeiros pastores transhumantes destas montañas.

Carlos Martínez-Peñalver (Vigo, 1991) estréase como director con esta película, tras ser asistente de montaxe de Mimosas, o filme de Óliiver Laxe premiado en Cannes en 2016. Tamén é director, montador e cofundador da produtora Omen, e responsable da montaxe de películas como Ningún río me protexe de min de Carla Andrade, Alén Mar de Andrés Sanjurjo e El rastro firme de Fernando G. Luna, entre outras.