Ir ao contido principal

'Human Flowers of Flesh' estrearase en Sevilla

A película de Helena Wittmann, cuxa premiere mundial tivo lugar en Locarno cun gran apoio crítico, desembarcará en España no Festival de Cinema Europeo de Sevilla.

LOST & FOUND levará en 2023 a salas comerciais Human Flowers of Flesh (2022), o último traballo da alemá Helena Wittmann. Presentado por vez primeira en Locarno hai pouco máis dun mes, a fita foi recibida con comentarios moi entusiastas por parte da prensa especializada. 

A historia segue a Ida, interpretada pola grega Angeliki Papoulia (colaboradora habitual de Yorgos Lanthimos en fitas como Canino ou Langosta) e á súa pequena tripulación nun veleiro que suca o Mediterráneo. Apostando polo misterioso, o filme ofrece pouca información sobre o que estes inusuais mariñeiros se propoñen. Van de porto en porto e a súa investigación ou busca semella estar centrada na Lexión Estranxeira de Francia, con clara inspiración na famosa Beau travail (1999) de Claire Denis.

Si aquela estaba adaptada dunha novela de Herman Melville (Billy Budd, Sailor), esta recolle igualmente a herdanza do xénero de aventuras na mar dende unha perspectiva que se achega ao pictórico e que non teme entrar na abstracción. As súas imaxes e sons transpórtanos a un estado de transo ou meditativo, como se ten escrito en varios textos, sen présas nin necesidade algunha de ser explícita no narrativo.

Wittmann xa probou ser unha das realizadoras contemporáneas que mellor ten retratado os océanos na súa ópera prima Drift (2017), presentada na Semana da Crítica de Venecia e cun percorrido excelso en certames internacionais, entre os que se contan Jeonju ou FICUNAM. No estado español levou o premio principal do certame Filmadrid.

Con esta película foi asentando nos últimos anos a súa merecida sona entre a cinefilia máis exquisita. Sorprende que non só asine o guión das súas propias obras, senón que tamén opere a cámara, conseguindo planos de inusitada beleza, e que ademais edite as fitas ela mesma. Conta cunha traxectoria extensa no mundo da curtametraxe e das pezas audiovisuais para contextos expositivos de arte contemporánea.

Programa TÁNDEM

Fiel á súa filosofía de pór en valor figuras ou películas que non recibiron a atención que se merecen nas historias oficiais do cinema, LOST & FOUND convidou a Wittmann a elixir un filme do pasado que a inspirara na preparación de Human Flowers of Flesh. A cineasta presentará esta fita xunto coa súa obra en diversas salas da xeografía española no momento da estrea comercial.

Deste xeito, preténdese establecer un diálogo entre o cinema contemporáneo e o de patrimonio. Estes programas, denominados TÁNDEM, conformarán unha das características identitarias da distribuidora. Helena Wittmann será a encargada de inauguralos en 2023.

O que dixeron dela

“Esplendidamente inmersiva”

James Lattimer (Sight & Sound)

 

“Unha xoia meditativa”

Sophie Monks Kaufmann (IndieWire)

 

“Unha viaxe fascinante a través do cinema e o mar”

Leonardo Goi (The Film Stage)

 

“Erosiona, transforma... non só as cousas, senón tamén a conciencia”

Víctor Esquirol (Otros Cines Europa)