Ir ao contido principal

LOST & FOUND traerá a España unha completa retrospectiva do gran documentalista norteamericano Lionel Rogosin

Tres novas restauracións serán presentadas a semana próxima no festival de Boloña Il Cinema Ritrovato, referencia mundial no eido do cinema de patrimonio

Lionel Rogosin é un dos realizadores de cinema documental máis influíntes dos Estados Unidos. Quizais menos coñecido que figuras totémicas do xénero como Frederick Wiseman ou os irmáns Maysles, o certo é que a súa obra, marcada por un cinema comprometido coa defensa dos dereitos dos máis desfavorecidos, o que el consideraba unha “non ficción partisana”, causou un gran impacto na conformación do free cinema británico.

Tras anos condenado a unha escasa circulación, hai unha década o seu fillo Michael, tamén cineasta, decidiu comezar a restaurar e dixitalizar a obra do seu pai coa colaboración cómplice da Cineteca di Bologna. O resultado é que dez anos despois podemos presentar unha retrospectiva case completa do cineasta –todo o recuperable–, sumando as tres restauracións máis recentes que serán presentadas en Boloña no seu festival Il Cinema Ritrovato a semana próxima. O ciclo abrangue un total de 9 títulos que se poderán ver en España dende o mes de novembro, con Michael Rogosin presentando o cinema do seu pai en varias das sesións.

O filme fundacional da súa carreira quizais sexa o máis coñecido: Sobre o Bowery (On the Bowery, 1956). Interesado en criticar a situación do apartheid nos anos cincuenta, Rogosin encarou esta súa primeira longametraxe a xeito de preparación para filmar en Sudáfrica un par de anos máis tarde. O contexto é o barrio do Bowery, en pleno Manhattan, hoxe lugar saneado por diversas reformas inmobiliarias, daquela barrio pobre no que convivían estibadores, prostitutas, alcólicos sen teito e traballadores da construción ou do ferrocarril como Ray, o protagonista. Influenciado polo neorrealismo italiano e por Robert Flaherty, o director logrou realizar un retrato fidedigno do que alí pasaba que lle valeu numerosos recoñecementos. Sobre o Bowery foi o primeiro filme norteamericano en levar o Gran Premio do Festival de Venecia na categoría documental, foi galardoado cun BAFTA e nomeado ao Oscar.

Este gran recoñecemento crítico permitiulle financiar Volve, África (Come Back, Africa, 1959), que logrou filmar cun permiso para un documental sobre música. O resultado foi outro ben distinto, un cru retrato das condicións de vida de varios traballadores negros no contexto do apartheid. O filme foi premio da crítica en Venecia. Seguiu facendo amigos entre as altas esferas alá onde ía. En Diálogo árabe-israelí (Arab Israeli Dialog, 1974), o seu último filme, puxo a dialogar un poeta palestino e un xornalista israelí sobre as posibles saídas a un conflito que leva décadas enquistado e que lamentablemente está demasiado de moda en 2024.

Entre medias, Raíces negras (Black Roots, 1970), Fantasía negra (Black Fantasy, 1972) e Cortadores de madeira do sur profundo (Woodcutters of the Deep South, 1973) mostraron a vida de diversas comunidades negras no sur dos Estados Unidos; mentres que con Bos tempos, tempos marabillosos (Good Times, Wonderful Times, 1965) mostrou a súa preocupación polas desigualdades sociais e a guerra nuclear latente, contrapoñendo unha festa en Londres con secuencias de sufrimento en todo o mundo, nunha edición inspirada en Hiroshima, mon amour (Alain Resnais, 1959).

A finais dos setenta, incapaz de seguir financiando os seus proxectos, deixou Nova York e mudouse ao Reino Unido, onde deu clases ata que se retirou nos anos noventa, xa enfermo, falecendo en Los Angeles. Antes de mudarse a Europa, deixou unha pegada indeleble na escena underground da Gran Mazá, estando ao cargo do cinema de Bleecker Street, que acollía boa parte das grandes estreas de cinema alternativo. Participou activamente na posta en marcha da Film-Makers' Cooperative e cofinanciou a construción do Anthology Films Archives de Jonas Mekas. Tamén distribuíu cinema militante a través da súa compañía Impact Films. Todo isto proba que Lionel Rogosin foi, durante toda a súa vida, un poeta da cámara cun compromiso político que ía alén do que captaba a súa lente, un activista da cultura cun impacto que alcanza o noso presente.