Ciclo de Leopold Lindtberg, un cinema humanista como contrapunto aos horrores da II Guerra Mundial
Numax será a primeira sala de España en proxectar este programa, a partir do 3 de setembro, e coa presenza do director de Cinémathèque suisse en Santiago o día 13
A distribuidora Lost & Found pon en marcha un ciclo para descubrir a figura e a ollada cinematográfica de Leopold Lindtberg, realizador austríaco afincado en Zúric, que cos seus filmes amosou as consecuencias da II Guerra Mundial, sempre cunha ollada intelixente, honesta e humanista, e a pesar das presións políticas que recibiu polo seu traballo.
As catro longametraxes rodadas por Lindtberg entre 1944 e 1953 poderán verse en varias salas españolas nestes últimos meses de 2024, en versións restauradas por Cinémathèque suisse. E terán os seus primeiros pases en Numax, en Santiago de Compostela, que inaugurará o ciclo este próximo 3 de setembro. Ademais, o 13 de setembro a sala compostelana recibirá a Frédéric Maire, director de Cinémathèque suisse, para o pase de A aldea. As entradas xa están á venda na web de Numax.
Desde a neutral Suíza, un espellismo de paz nunha Europa azoutada pola violencia, Lindtberg escolleu tomar partido a través do seu cinema, centrándose moi especialmente na situación das familias refuxiadas, na xente que coma el mesmo tivera que abandonar os seus fogares fuxindo da barbarie do nazismo.
As catro longametraxes que realizou neste período foron premiadas en Cannes, nos Oscar -o seu filme Marie-Louise foi o primeiro non estadounidense en conseguir o galardón de mellor guión orixinal-, na Berlinale e nos Globos de Ouro, pero Lindtberg atopou oposición dentro e fóra de Suíza, ao botar luz sobre historias que algúns preferían esquecer tras a guerra. Dende 1953 Lindtberg escolle deixar de facer cine e centrarse no teatro e a televisión. Con este ciclo, LOST & FOUND trae a oportunidade de redescubrir un director atípico e de profundo calado humanista, comprometido co seu tempo e seguramente inxustamente esquecido.
PROXECCIÓNS DE LEOPOLD LINDTBERG EN NUMAX
Martes 3 de setembro, 19.30h: Marie-Louise (1944)
Óscar a mellor guión orixinal en 1945
Marie-Louise, unha nena francesa desprazada na Segunda Guerra Mundial, é enviada a unha familia de acollida en Suíza durante uns meses. Cando a estancia chega á súa fin, xa integrada, deberá aceptar que debe de novo partir.
Presentación do ciclo a cargo de Ramón Rey, de LOST & FOUND.
Martes 10 de setembro, 19.10h: A última oportunidade (1945)
Gran Premio de Cannes en 1946 e do Globo de Ouro ao mellor filme internacional en 1947
Un grupo de refuxiados xudeus intenta alcanzar a fronteira suíza para fuxir do réxime nazi. Uns soldados británicos, perdidos entre liñas inimigas, axudaranos a acadar a súa meta.
Presentación do filme a cargo de Víctor Paz, de LOST & FOUND.
Venres 13 de setembro, 19.00h: A aldea (1953) - Con presenza de Frédéric Maire, director de Cinémathèque suisse
A súa versión restaurada tivo a súa estrea na sección Cannes Classics en 2023
Mediados dos corenta. Unha escola dos Alpes suízos acolle ao redor de 200 nenos orfos de toda Europa. Mentres os profesores conteñen as hostilidades cara os estudantes alemáns, dous dos docentes namoran.
Martes 17 de setembro, 1940h: Catro en jeep (1951)
Oso de ouro na Berlinale en 1951
Unha patrulla internacional composta por efectivos americanos, rusos, franceses e británicos vixía as rúas da liberada Viena, dividida en catro sectores. Cando un prisioneiro de guerra detido polos rusos logra escapar, a tensión aumenta.
Apoio á distribución da Deputación da Coruña.