Seminci redescubre Un domingo desperdiciado, fita prohibida en Checoslovaquia
A primeira longametraxe da directora checa Drahomira Vihanová, rodada en 1969 e prohibida tras os sucesos da Primavera de Praga, formará parte da sección Memoria y Utopía no festival de Valladolid
Un domingo despercidiado chegará en decembro ás salas españolas dentro do ciclo ‘Cinema checo dos sesenta: alén da nova ola’, organizado por LOST & FOUND
Un domingo desperdiciado, a primeira longametraxe da realizadora checa Drahomira Vihanová, formará parte do festival Seminci, en Valladolid, que se celebra do 18 ao 26 de outubro. Rodada en 1969, esta fita reflicte a realidade da antiga Checoslovaquia tras os sucesos da Primavera de Praga ocorridos o ano anterior, un proceso de liberalización do país que foi duramente reprimido pola Unión Soviética. Debido ao seu enfoque, Un domingo desperdiciado foi prohibida e Vihanová quedou desterrada de todo traballo de realización en cinema de ficción ata a chegada da democracia en 1989.
A fita, distribuída en España por LOST & FOUND, está incluída en Seminci dentro da sección Memoria y Utopía, na que se reúnen filmes que mostran algún tipo de disonancia dentro das cinematografías do seu país de orixe e que habitualmente foron prohibidas por motivos políticos, coma neste caso.
Moi ben considerada pola crítica, Un domingo desperdiciado mostra o rápido deterioro psicolóxico de Arnošt, oficial de seguridade nunha illada instalación militar. Pasa os seus días entre rutinas, alcol e un romance coa camareira do pub local que só lle serve para lembrar o amor que deixou atrás na súa vila natal. Un relato de deshumanización, fastío e alienación que reflicte unha contorna pechada á realidade que presentaba unha visión crítica da Checoslovaquia daquela.
Un ciclo para a década dourada do cinema checoslovaco
Tras o seu paso por Seminci, Un domingo desperdiciado chegará ás filmotecas e salas españolas como parte dun ciclo titulado ‘Cinema checo dos sesenta: alén da nova ola’, que organiza a distribuidora LOST & FOUND. A nova ola checa conformou un dos movementos fílmicos máis rupturistas da historia do cinema europeo. Xunto a Vihanová, anos antes irromperan xa en escena desde este grupo cineastas como Miloš Forman (Os amores dunha loira) ou Věra Chytilová (As margaridas).
O programa recupera algúns destes títulos míticos, pero tamén se propón rescatar do escurantismo outros menos presentes na memoria cinéfila, pero igual de sobresalientes. Contrariamente ao que con frecuencia se ten afirmado de xeito erróneo, non todos os cineastas desta década pertenceron á nova la. De feito, algúns como Karel Kachyňa (Ucho - A orella) pertencen a unha xeración anterior e foron profesores destes mozos renovadores da linguaxe cinematográfica na prestixiosa escola FAMU de Praga; mentres que outros estudaron na escola con anterioridade (Vojtěch Jasný, Un día, un gato) ou proveñen doutros contextos (František Vláčil, Marketa Lazarová).
O ciclo pretende rescatar e reivindicar unha mostra ecléctica destes traballos, combinando as longametraxes máis coñecidas desta época con outros que con toda seguridade serán un descubrimento para a maioría da cinefilia en España. Composto por un total de 13 títulos, poderá verse en salas españolas a partir de decembro.