Ir ao contido principal

A Cincenta de José Escobar, creador de Zipi y Zape, volve aos cinemas 70 anos despois

- Érase una vez... é a segunda película de animación española da historia, estreada en 1950 co historietista como codirector.

- Grazas á distribuidora LOST & FOUND, terá unha nova estrea comercial en salas o próximo 16 de decembro.

- A fita, producida por Estela Films, a produtora máis antiga en activo de España, foi restaurada grazas á Filmoteca de Catalunya, que a presentará o 27 de outubro, coincidindo co Día Mundial do Patrimonio Cinematográfico.

José Escobar, creador de personaxes como Zipi y Zape e Carpanta, foi codirector da segunda película de animación rodada en España: Érase una vez..., que adaptaba o conto da Cincenta e se estreou en salas en 1950, o mesmo ano que a versión de Disney. Unha fita esquecida pola Historia durante sete décadas e que agora volverá poder verse en salas comerciais o 16 de decembro, grazas ao traballo de restauración da Filmoteca de Catalunya, a Estela Films e á distribuidora LOST & FOUND.

A versión restaurada de Érase una vez... só puido verse no Festival de San Sebastián deste ano. Terá un pase especial na Filmoteca de Catalunya, coincidindo co Día Mundial do Patrimonio Cinematográfico o 27 de outubro. Poderá verse tamén na sede da Academia de Cine en Madrid e nocfestival SÉ_CINE de Segovia en novembro.

Só se conservaban copias en branco e negro desta fita, mais puido ser restaurada en cor grazas ao traballo da Filmoteca de Catalunya, que contou coa colaboración de Luciano Berriatúa e Estela Films. Devolvéronlle o seu aspecto orixinal partindo dos fotogramas e cromos conservados por diversos coleccionistas.

Un prodixio técnico na España de mediados do século XX

A produción orixinal deste filme requiriu de dous anos de traballo e da implicación de máis de 200 debuxantes que crearon medio millón de láminas. Foi codirixida por José Escobar e Alexandre Cirici i Pellicer. Só se tiraron oito copias en 35mm para a súa estrea en toda España e ningunha delas chegou ata os nosos días, mais agora poderá volver a desfrutarse esta fita pioneira tal e como foi concibida polos seus autores.

José Escobar (Barcelona 1908-1994) é moi coñecido por ser un dos principais autores do cómic humorístico español, vinculado á chamada Escuela Bruguera e dotado dunha enorme lucidez para retratar a época que lle tocou vivir. Pero foi, ademais, un pioneiro da animación, unha faceta inxustamente esquecida e que agora poderá coñecerse e reivindicarse.