Ir ao contido principal

LOST & FOUND recupera o legado cinematográfico de Anja Breien cunha retrospectiva que reivindica unha das cineastas máis destacadas de Escandinavia

O ciclo, que inclúe seis longametraxes da directora norueguesa, estrearase en marzo en Cineteca Madrid, Filmoteca Regional de Murcia e a sala NUMAX de Santiago de Compostela.

A partir de abril chegará a Filmoteca de Catalunya, Filmoteca Valenciana, Filmoteca de Cantabria e os cines Casablanca de Valladolid.

LOST & FOUND presenta un ciclo retrospectivo dedicado á cineasta norueguesa Anja Breien, unha das figuras máis prominentes do cinema do seu país, recoñecida principalmente por As esposas (Hustruer, 1975), considerada a resposta feminista a Maridos de John Cassavetes.

Anja Breien (Oslo, 1940) é unha das directoras norueguesas máis recoñecidas. Xunto con Vibeke Løkkeberg e Laila Mikkelsen, Breien contribuíu a establecer a cara feminina da nova ola do cinema noruegués. As películas de Anja Breien, a miúdo comparadas coas da cineasta belga Chantal Akerman, superan o canon vangardista modernista debido ao seu carácter persoal.

A retrospectiva Anja Breien: xéneros en fuga (dossierque preparou LOST & FOUND, distribuirase en salas de toda España en copias DCP 2K creadas a partir de recentes dixitalizacións levadas a cabo pola Biblioteca Nacional de Noruega, que recuperan para as audiencias contemporáneas o legado fílmico dunha das cineastas escandinavas máis importantes da historia.

Grazas á colaboración con Norsk Filmdistribusjon conseguiuse reunir para este ciclo retrospectivo as súas seis primeiras longametraxes, que conforman a etapa máis estimulante da súa traxectoria, na que transita e desafía os códigos de diversos xéneros cinematográficos: Violación (1971), As esposas (1975), O xogo serio (1977), A herdanza (1979), Caza de bruxas (1981) e O paxaro de papel (1984).

A partir de marzo poderase ver nas seguintes salas:
    •   3 de marzo | NUMAX (Santiago de Compostela)
    •   6 de marzo | Filmoteca regional de Murcia
    • 15 de marzo | Cineteca Madrid

A partir de abril, con datas por confirmar:
    • Filmoteca de Catalunya
    • Filmoteca de Cantabria
    • Filmoteca Valenciana
    • Cines Casablanca (Valladolid)

Este é o primeiro ciclo lanzado baixo a nova dirección artística de LOST & FOUND FILMS. A distribuidora, especializada en cinema de patrimonio e fundada por Víctor Paz, incoporou ao seu liderado como codirector a Ramón Rey, crítico e xornalista de cinema cunha ampla experiencia en medios dixitais.