Un domingo desperdiciado
Drahomíra Vihanová
Quero proxectar este filme

Despois de asistir ao funeral da súa nai, no que coincide cun antigo amor, o oficial Arnošt regresa ás súas responsabilidades de seguridade nunha instalación militar en Josefov. Pasa os días e exerce as súas tarefas de maneira rutineira. Polas noites bebe no pub local, onde traballa Marie, que está namorada del. Para Arnošt ela só é un pasatempo, un substituto do amor que deixou na súa vila natal. Igual que o resto da súa actual vida o é da que puido ter tempo atrás.
Ópera prima visceral, dotada dunha poética devastadora, Un domingo desperdiciado foi o cumio e a condena de Drahomíra Vihanová. A súa rodaxe tivo lugar poucos meses despois da Primavera de Praga, e tras a súa finalización foi confiscada polas autoridades, tendo que esperar 20 anos para estrearse, xa coa caída do réxime comunista.
O camiño da directora viuse truncado ata 1977, cando lle permitiron poñerse de novo tras as cámaras, aínda que para daquela a súa carreira estaba indefectiblemente danada, converténdose na gran esquecida da Nova Vaga Checoslovaca. A diferenza de compatriotas como Miloš Forman, Věra Chytilová, Ivan Passer ou Jan Němec, Vihanová non optou pola comedia satírica como xénero nin pola luminosidade tonal. O seu cine penetrou en profundas físgoas da existencia, reflexos insólitos que hoxe manteñen a súa vixencia e universalidade.
Un domingo desperdiciado levantou a ira non tanto polo seu discurso político como pola súa desencantada visión do país, materializada nunha aproximación existencialista a Arnošt, militar atrapado pola soidade, o desamor e os pensamentos suicidas. O filme concéntrase nunha xornada aciaga, ese domingo calquera que serve como perfecto expoñente dunha vida fracturada e secuestrada pola melancolía. Nese tránsito da mañá á noite, Vihanová intercala memorias do protagonista a modo de fugaces flashbacks punzantes. Atopámonos cun individuo abocado a un baleiro do que nin a súa noiva, nin o traballo, conseguen salvar. Un destino irremediable, exemplificado na súa relación co alcol: “Hai que deixar de beber. Dunha vez por todas”, dise a si mesmo nesa noite de borracheira infinita. O descenso aos infernos resulta tan convincente como cativador pola brillante narrativa despregada, unha rítmica envolvente de irrefreable e doloroso magnetismo.
Javier H. Estrada
Xefe de programación en SEMINCI e FILMADRID.
Premios
69ª Festival de Valladolid - Seminci 2024. Memoria y UtopiaFicha técnica
- Título orixinal:
- Zabitá neděle
- Ano:
- 1969
- Duración:
- 79 minutos
- Formato:
- 1.37 : 1 – B/N – Mono – DCP 2K
- Pais:
- Checoslovaquia
- Idiomas:
- Checo, polaco
Ficha artística
- Dirección:
- Drahomíra Vihanová
- Guión:
- Drahomíra Vihanová, Jiří Křenek. Baseada na novela de Jiří Křenek, Zabitá nedělle (1967)
- Xefe de produción:
- Richard Němec
- Compañía produtora:
- Filmové studio Barrandov
- Fotografía:
- Petr Volf, Zdeněk Prchlík
- Operador de cámara:
- Jaroslav Kupšík
- Deseño de produción:
- Vladimír Labský
- Decorados:
- Jaromír Dědek, Vladimír Mácha, Vladimír Slepička
- Deseño de vestiario:
- Jarmila Konečná, Jana Ledecká
- Vestiario:
- Eliška Hofová
- Maquillaxe:
- František Novotný
- Montaxe:
- Miroslav Hájek
- Música:
- Jiří Šust
- Son:
- Dobroslav Šrámek
- Efectos especiais:
- Trikový ateliér FSB
- Elenco:
- Ivan Palúch, Míla Myslíková, Ota Žebrák, Petr Skarke, Irena Boleslavská, Vladislav Dražďák, Jan Vostrčil, Alexandra Haškovcová, Marcela Mlacovská, Josef Kubíček, Jarmila Orlová, E. Bartková, Hana Vítková, Olga Jungová, František Nechyba, Rudolf Netáhlík, Marta Záhorová, Richard Záhorský, Jiří Stehno, Zdeněk Bittl, A. Vilím, Luděk Forétek, L. Lindr, V. Břinčil, M. Cabrnoch, F. Hruška, J. Hruška, A. Janda, R. Knížek, J. Sever