Falemos doutra cousa
Věra Chytilová
Quero proxectar este filme

Un relato cru das vidas de dúas mulleres narradas en paralelo: os adestramentos dunha ximnasta para o seu último campionato e as vicisitudes dunha ama de casa desbordada polas tarefas domésticas, infeliz no seu matrimonio e con fillo conflitivo
Apoio á distribución da Deputación da Coruña
A primeira secuencia de Falemos doutra cousa arrinca con varios primeiros planos do corpo da ximnasta Eva Bosáková en pleno exercicio, mostrado sempre de maneira fragmentada. Ao abrirse o plano, enténdese que se trata da retransmisión dunha competición a través dunha televisión que está a ver un neno. O neno é o fillo de Věra, que nese momento se dirixe a el para deitalo. Desta forma brillante e sintética, Věra Chytilová presenta as súas dúas protagonistas, reuníndoas por primeira e única vez nun só plano. A partir de entón, a fita segue en paralelo o día a día das dúas mulleres establecendo conexións entre as súas dúas realidades que, a priori, parecerían inexistentes. Eva, unha deportista real que se dedica case exclusivamente a adestrar para a súa última competición; e Věra, unha muller de ficción atrapada na esfera doméstica da súa vida familiar, cuxo visible tedio desmente a mensaxe do debuxo que colga na parede da súa casa: «Isto é unha casa. Nesta casa vive xente. Síntense xenial nesta casa».
Na súa primeira longametraxe, moito máis experimental do que podería parecer, Chytilová presenta xa a súa característica mirada xoguetona e cargada de ironía e sentido do humor da que se serve para denunciar o lugar da muller na sociedade. A súa creatividade faise patente, por exemplo, no uso da música de jazz na banda sonora, que funciona como un contrapunto constante para acentuar a repetición machacona das tarefas por parte das dúas mulleres. Ou nalgúns cortes de montaxe onde conversas ou accións empezan nunha escena para continuar na seguinte. Falemos doutra cousa contén o xermolo de toda a rabiosa inventiva e singularidade do cine dunha das figuras esenciais da Nova Vega checa dos anos 60.
Elsa Tébar
Crítica de cine e editora na revista Caimán. Cuadernos de Cine, investigadora e docente
Ficha técnica
- Título orixinal:
- O něčem jiném
- Ano:
- 1963
- Duración:
- 81 minutos
- Formato:
- 1.37 : 1 – B/N – mono – DCP 2K
- Pais:
- Checoslovaquia
- Idioma:
- checo
Ficha artística
- Dirección y guión:
- Věra Chytilová
- Produción:
- Filmové studio Barrandov
- Fotografía:
- Jan Čuřík
- Música:
- Jiří Šlitr
- Montaxe:
- Miroslav Hájek
- Son:
- Miloslav Hůrka
- Elenco:
- Eva Bosáková, Věra Uzelacová, Josef Langmiler, Jiří Kodet, Milivoj Uzelac, Jaroslava Matlochová