Os amores dunha loura
Miloš Forman
Quero proxectar este filme

Andula traballa nunha fábrica de zapatos nunha cidade industrial decadente de Checoslovaquia. A desproporción de mulleres e homes fai difícil atopar parella e o supervisor tenta solucionalo facendo que o exército asista a un gran baile.
Apoio á distribución da Deputación da Coruña
Unha película sobre o particular e o colectivo, Os amores dunha loura (1965), terceira longametraxe de Miloš Forman, sostén toda a súa narrativa a partir dos contrastes. O primeiro deles, esa pequena cidade cunha fábrica de zapatos cuxas traballadoras son maioritariamente mulleres, o que fai que o lugar teña unha desproporción de mulleres de 16 a 1. A solución: unhas manobras militares que achegan un continxente de soldados que confraternizarán coas novas empregadas da fábrica nun baile de sábado. É así como a película coral (a fábrica, a residencia onde viven as empregadas, o destacamento militar, a orquestra) vai derivando cara ao particular, desde os pequenos conflitos que se van sucedendo durante o baile ata o protagonismo crecente dunha das mozas, Andula, a loura do título. Ao tempo, o ton vai modulándose desde a comedia e, por momentos, achegándose ás fronteiras do slapstick (o episodio do anel que cae e roda polo chan ata deterse no lugar máis inoportuno), sempre no marco dun retrato xeracional que, rodado no centro da década dos sesenta, é o reflexo de toda unha época, dunha mocidade que podemos recoñecer noutras películas coetáneas, sexa no leste de Europa, no Reino Unido, Francia, Italia ou os países nórdicos. Unha época de optimismo e confusión que Forman resume en practicamente dúas noites. A primeira, a do baile, na que Andula acaba pasando a noite non cun soldado, senón cun músico, Milda (resulta fascinante como Forman filma os corpos, o feminino como obxecto de desexo, o masculino como vehículo cómico). A segunda é a que sucede na casa familiar deste último. Andula viaxou desde a súa pequena cidade ata Praga, a capital, buscando a Milda, pero ha de pasar a noite cos pais del, como testemuña involuntaria dun drama que, tamén, moi pronto deriva cara a unha sitcom que confronta a dúas xeracións, pero que trata a todos os seus personaxes con xenerosidade, empatizando mesmo coas súas esperanzas, por moi ilusorias que estas sexan.
Jaime Pena
Director da Filmoteca de Galicia, membro do Consello de Redacción de Caimán. Cuadernos de Cine e colaborador de A Sala Llena.
Premios
Venecia 1965 - Sección oficialGlobos de Ouro 1967 - Mellor filme internacional
Oscars 1967 - Nomeada a mellor filme internacional
Ficha técnica
- Título orixinal:
- Lásky jedné plavovlásky
- Ano:
- 1965
- Duración:
- 80 minutos
- Formato:
- 1.37 : 1 – B/N – mono – DCP 2K
- Pais:
- Checoslovaquia
- Idioma:
- checo
Ficha artística
- Dirección:
- Miloš Forman
- Guión:
- Jaroslav Papoušek, Ivan Passer, Miloš Forman
- Produción:
- Filmové studio Barrandov
- Fotografía:
- Miroslav Ondříček
- Música:
- Evžen Illín
- Montaxe:
- Miroslav Hájek
- Son:
- Adolf Böhm
- Elenco:
- Hana Brejchová, Vladimír Pucholt, Vladimír Menšík, Ivan Kheil, Jiří Hrubý, Milada Ježková