Ir ao contido principal

O director dun crematorio, claramente trastornado, ten a crenza de que a incineración purifica e alivia o sufrimento terreal. Cun pouco de axuda das autoridades, decide asasinar a aqueles individuos que merecen o descanso eterno.

 

Cal fera engaiolada esperando o seu momento para atacar, Karl Kopfringl (Rudolf Hrušínský) leva unha vida burguesa, traballando como funcionario nun crematorio e exercendo de pai de familia e bo esposo, ata o día en que descobre que ten sangue alemán e que isto pode axudalo a ascender no partido nazi. Do mesmo xeito que Marcello Clerici (Jean-Louis Trintignant) en Il Conformista (1970) de Bernardo Bertolucci, este sinistro personaxe, fascinado polo libro dos mortos tibetano —os nazis apropiáronse da esvástica oriental—, é consumido pola súa ambición e pola súa obsesión mórbida coa pureza e a morte, emprendendo unha viaxe sen retorno ao inframundo e arrastrando a todos os que o rodean na súa espiral de tolemia; coma se con cada morte arrebatada, conseguise achegarse, cada vez máis, ao sacro Templo de Potala e á súa salvación espiritual.

Hipnótico e implacable, rompedor e vangardista, O incinerador de cadáveres é un brillante e poético retrato sobre a banalidade do Mal e a alienación ideolóxica. O seu director, Juraj Herz, foi un sobrevivente do campo de concentración de Ravensbrück e un dos máis intrigantes membros —ao seu pesar, porque nunca se identificou coa etiqueta— da Nova Vaga cinematográfica na Checoslovaquia dos anos sesenta. Esta bagaxe emocional e intelectual do cineasta nótase en cada plano, en cada escena da película, magníficamente rodada e montada. Mesturando o macabro, o absurdo e o kafkiano —Praga é o escenario ideal—, a cámara disecciona a mente enfermiza e psicótica do protagonista, a través de puntos de vista de ollo de peixe e ángulos estraños e imposibles, que remiten ao cine experimental e ao movemento Pánico. A misteriosa banda sonora composta por Zdeněk Liška é outro acerto indiscutible que confire ás imaxes unha paradoxal lixeireza. Así que non podemos máis que felicitarnos de que esta obra magna do cine checo, gañadora no Festival de Sitges, renacese agora das súas cinzas grazas á súa exquisita restauración.

Patricia Clapés-Saga

Crítica cinematográfica e profesional da industria audiovisual. Cocreadora do podcast Manderley e autora publicada polas editoriais Hermenaute e Notorious Ediciones.

 

Premios

Sitges 1972 - Mellor película, actor e fotografía
  • Sitges 1972 - Mellor película, actor e fotografía
  • Sitges 1972 - Mellor película, actor e fotografía

Ficha técnica

Título orixinal:
Spalovač mrtvol
Ano:
1968
Duración:
100 minutos
Formato:
1.66 : 1 – B/N – mono – DCP 2K
Pais:
Checoslovaquia
Idiomas:
Checo, hebreo

Ficha artística

Dirección:
Juraj Herz
Guión:
Ladislav Fuks, Juraj Herz
Produción:
Filmové studio Barrandov
Fotografía:
Stanislav Milota
Música:
Zdeněk Liška
Montaxe:
Jaromír Janáček
Son:
František Černý, Karel Jakl
Elenco:
Rudolf Hrušínský, Vlasta Chramostová, Jana Stehnová, Miloš Vognič, Ilja Prachař, Zora Božinová
  • Still 1
  • Still 2
  • Still 3
  • Still 4

Descargas