Ir ao contido principal

Martin Scorsese

Martin Scorsese é un dos directores máis destacados do New Hollywood, movemento renovador da linguaxe cinematográfica que axudou a asentar con fitas de fondo valor estético e narrativo como Taxi Driver (1976) ou Touro salvaxe (1980). Cunha gran formación en cinema clásico e moderno, habitualmente a súa obra bebe destas fontes para, actualizándoas, compor unha filmografía moi persoal. As súas historias, cheas de individuos atormentados, indagan en temas como a culpabilidade católica, a problemática da mafia nas comunidades italoamericanas das que provén ou a violencia latente de certa masculinidade tóxica.

Cunha obra que se estende ao longo de seis décadas, resulta imposible definir o seu cinema en poucas palabras, pero cómpre dicir tamén que ten alternado diversos formatos como a longametraxe, a curtametraxe, o cinema e a televisión, a ficción e o documental. Neste último, está especializado na música popular norteamericana e na divulgación do cinema clásico. Dende The Film Foundation restaura filmes decotío, en colaboración cos arquivos fílmicos máis punteiros de todo o mundo.

Se ben Scorsese nunca acabou de dar o paso a grandes superproducións nin conseguiu enormes éxitos comerciais, como acontece con outros compañeiros da súa xeración como Brian De Palma, Francis Ford Coppola, Steven Spielberg ou George Lucas; en retrospectiva conta cunha das traxectorias máis singulares do cinema norteamericano de todos os tempos, tendo conseguido o consenso de crítica e público cun estilo tan accesible como preciso e que nunca fai concesións. Ten un único premio Oscar por Infiltrados (2007), unha das súas obras mestras, pero unha lexión cinéfila internacional pensa que tería merecido moitos máis.

Raging Bull © 1980 Metro-Goldwyn-Mayer Studios Inc. All Rights Reserved.