Ir ao contido principal

Lionel Rogosin

Lionel Rogosin é un dos realizadores de cinema documental máis influíntes dos Estados Unidos. Cunha obra marcada polo compromiso coa defensa dos dereitos dos máis desfavorecidos, o que el consideraba unha “non ficción partisana”, causou un gran impacto na conformación do free cinema británico. Europa sempre o acolleu moi ben. A súa ópera prima Sobre o Bowery (1956) foi o primeiro filme norteamericano en levar o Gran Premio do Festival de Venecia e foi ademais nomeado ao Oscar. Tamén foi unha das primeiras persoas en denunciar o apartheid sudafricano con Volve, África e atreveuse a realizar un Diálogo árabe-israelí, preocupado pola deriva dun conflito que non mellorou dende que el o filmara en 1974. Este foi o seu último filme, pero entre mentres deixou unha decena de fitas de grande beleza estética e sempre comprometidas co seu entorno, centrándose o groso da súa obra nas comunidades negras do sur dos Estados Unidos.

Como activista cultural, a súa influencia no Nova York dos anos sesenta e setenta foi enorme. Estivo ao cargo do cinema de Bleecker Street, que acollía boa parte das grandes estreas de cinema alternativo. Participou activamente na posta en marcha da Film-Makers' Cooperative e cofinanciou a construción do Anthology Films Archives de Jonas Mekas. Tamén distribuíu cinema militante a través da súa compañía Impact Films.