Jaromil Jireš
Jaromil Jireš (1935 – 2001) graduouse en fotografía e dirección de cinema na Escola de Cinema e Televisión da Academia de Artes Escénicas de Praga (FAMU). Iniciou a súa carreira a finais da década dos cincuenta con varias curtametraxes, de entre as que destaca Sál ztracených kroku (O salón dos pasos perdidos, 1960). Debutou na longametraxe coa película O berro (1963), que entrou en sección oficial do Festival de Cannes de 1964, e a miúdo está considerada como a primeira película da Nova Vaga checa e, por extensión ao seu director, como un dos seus pioneiros. É o primeiro cume artístico da obra de Jireš. Despois chegaría A broma (1969), adaptación da primeira novela de Milan Kundera. A película produciuse durante a liberalización política da Primavera de Praga de 1968 e contén moitas escenas que satirizan e critican aos dirixentes comunistas do país. Foi estreada tras a invasión de Checoslovaquia polo Pacto de Varsovia e inicialmente tivo éxito nos cinemas, pero despois foi prohibida polas autoridades durante os vinte anos seguintes. Outro fito da filmografía de Jireš é Valerie e a súa semana das marabillas (1970), cuxa acción se sitúa a principios do século XIX e está baseada nunha novela de Vítězslav Nezval. Trátase dunha película de estilo gótico sobre o espertar sexual dunha nena de trece anos. Tras a toma de Checoslovaquia polos soviéticos, Jireš seguiu traballando no país, pero rebaixando o seu ton discursivo para eludir a polémica. En 1971, dirixiu ...a pozdravuji vlaštovky (E saúden ás andoriñas), unha película ambientada na Segunda Guerra Mundial sobre a combatente da resistencia checa Maruska Kuderíková. Máis adiante, a súa película Neúplné zatmení (Eclipse incompleta, 1982) participou no 33º Festival Internacional de Cinema de Berlín. Jireš mantívose fiel ao xénero documental ao longo da súa traxectoria cunha gran diversidade temática. Na década dos sesenta orientouse cara ao folclore do sur de Moravia, onde se ambientan varias das súas curtametraxes. Jireš volveu a esta rexión e a este tema de maneira distinta en 1981 co drama musical Opera vai vinici (Ópera no viñedo). A partir dos anos setenta, os seus documentais céntranse cada vez máis no mundo da arte, a música, a pintura e a arquitectura. Continuou facendo películas durante os anos 80 e 90 ata o final da súa vida, incluíndo documentais de ballet e ópera para televisión.